INICIO / NÓS

A ARTISTA

O meu nome é Nuria Prado-Loureiro, nacín no 1989 en Teo, A Coruña. Dende moi nova tiven claro que me gustaba traballar coas mans.

Con 19 anos descubrín a miña paixón: o mundo da ourivería. Comecei a cursar o ciclo superior de Xoiería Artística na escola de artes Mestre Mateo. Dende ese momento estudo, investigo e practico o traballo cos metais.

Emprego técnicas tradicionais da xoieiría galega en deseños actuais, que aplico en xoias e outros complementos. Principalmente emprego ouro e prata e tamén outros elementos naturais como pedras preciosas e semipreciosas, perlas, acibeche… Fago deseños para colección, pezas únicas e tamén pezas personalizadas. Inspírome na cultura galega, a natureza e as miñas propias vivencias.

BRIGANTIA ORFEBRES

No 2019 nace Brigantia Orfebres, moito máis que unha marca. Brigantia representa todo o meu mundo creativo. Deseño e creo pezas con alma, exclusivas e que levan un anaco de min en cada parte do proceso de elaboración. Coidamos a profesión e intentamos manter activas as técnicas artesanais e tradicionais da ourivería. Recuperamos xoias antigas e impartimos talleres e charlas para achegar o oficio a quen desexe coñecelo de preto. Porque Brigantia non só é Nuria, senón todas as persoas que forman parte dela no día a día, mantendo vivo o fermoso oficio da ourivería: alumnas e alumnos, aprendices, oíntes, visitantes… Agora tamén me acompaña nesta aventura Ariadna, a miña irmá, que tamén se está a formar como xoieira.

A NOSA TENDA-TALLER

Temos unha tenda-taller na Rúa de San Pedro, en Santiago de Compostela, onde podes coñecernos e vernos traballar en vivo. Se o que queres é mercar unha xoia única ou un regalo especial, agora tamén podes facelo a través da nosa tenda online. >

¿NECESITAS ALGO ESPECIAL?

Realizamos xoias personalizadas, alianzas para vodas e compromisos,
regalos para convidados, restauracións…

Cóntanos o que precisas e axudarémosche a facelo realidade.